Proxecto
Recuperación e reciclaxe dos residuos sólidos propios da actividade pesqueira e portuaria (3RFISH).
3R FISH é un proxecto do programa europeo LIFE + enmarcado na liña de acción de Política Ambiental e Gobernanza 2007, a implementar durante o período 2009-2011.
O obxectivo principal é, mediante a correcta utilización dos aparellos e dispositivos usados no sector pesqueiro, así como a adecuada xestión e reciclaxe dos residuos xerados, contribuír a mellorar a calidade das augas e fondos mariños. Preséntase, xa que logo, como un compoñente clave dunha estratexia de desenvolvemento sostible das actividades pesqueiras e portuarias, segundo diversas directrices políticas emadas da Unión Europea, como a Política Común de Pesca, a Política Marítima Integrada, a Xestión Integrada das Zonas Costeiras e a Estratexia de Residuos.
Os obxectivos específicos do proxecto son:
- Establecer un sistema de xestión e reciclaxe integrada de tres tipos de residuos sólidos da actividade pesqueira e portuaria: redes, poliespán e artefactos lumínicos.
- Divulgación e implantación de boas prácticas ambientais de xestión a bordo e na área portuaria: estratexias “nada pola borda” e residuo “cero en terra”.
- Establecemento de sistemas innovadores de xestión e valorización deses residuos, desde a súa xeración ata o seu tratamento final.
- Fomentar prácticas de colaboración entre os principais actores sectoriais para a determinación de usos económica e ambientalmente rendibles dos produtos tratados e os seus derivados manufacturados.
- Avaliación técnica e económica da potencial implantación do sistema de xestión na rede portuaria de Galicia e Portugal (extrapolable a outros de ámbito europeo).
Para iso, serán desenvolvidas as seguintes Accións:
- Diagnóstico Sectorial: xeración de residuos na flota e portos pesqueiros de Galicia na actualidade. De forma complementaria, farase un Diagnóstico tecnolóxico sobre as innovacións en xestión, reciclaxe e tratamentos deses residuos sólidos.
- Desenvolvemento de 3 experiencias piloto (E.P) en portos pesqueiros galegos (e portugueses (exper. caixas de poliespán): establecemento de sistemas de xestión, loxística, tratamentos, reciclaxe e tecnoloxías innovadoras; monitorización e resultados, dos 3 residuos obxectivo: E.P. Redes + E.P. Poliespán +E.P. Artefactos lumínicos.
- Divulgación e concienciación ambiental: boas prácticas ambientais (BPA) ao redor dos residuos e aveños resultado da actividade pesqueira.
- Avaliación técnica e económica da implantación destas experiencias de reciclaxe na totalidade do sistema portuario de Galicia e Portugal.
- Difusión do proxecto: páxina web; presenza en eventos sectoriais; material divulgativo (gráfico e dixital); celebración de Xornadas Técnicas; artigos en revistas e webs especializadas; xornadas de sensibilización a profesionais; visitas e intercambio de experiencias noutros portos…
Como resultado final espérase reducir a vertedura de residuos sólidos da actividade pesqueira ao medio mariño, a correcta xestión en terra amais a súa posta en valor de forma innovadora e sustentable, tanto económica como ambientalmente.